quarta-feira, 26 de junho de 2013

Bo verán a tod@s!


Chegou o verán, e con el o final deste curso de lecturas.
Agardamos que desfrutásedes tanto coma nós deste pequeno espazo dedicado a compartir as nosas impresións sobre as lecturas, e a amplialas a través da música, as críticas, artigos e documentais....

Durante estes 9 meses a nosa viaxe literaria foi do mais variopinta.  Tendo como vehículo unha docena de títulos percorremos mundos e momentos históricos ben distintos, non credes?
Cal o foi o libro que máis desfrutáchedes?

Aqui vos deixamos a listaxe dos títulos lidos por se vos animades a facer unha valoración xeral do club virtual, ou das lecturas que vos resultaron máis interesantes:

- A elegancia do ourizo, de Muriel Barbery
- La tregua, de Mario Benedetti
- El último encuentro, de Sandor Marai
- Brooklyn Follies, de Paul Auster
- Novecento, de Alessandro Baricco
- Diego y Frida, de J.M. Le Clezio
- El extranjero, de Albert Camus
- Bilbao-Nueva York-Bilbao, de Kirmen Uribe
- Futuro Imperfecto, de Xulia Alonso
- El callejón de los milagros, de Naguib Mahfuz
- El país de las sombras largas, de Hans Ruesch
- Fin de século en Palestiana, de Miguel Anxo Murado.

Gustaríanos despedirnos cun "Até o próximo curso!" pero non sabemos se será posible. De momento diremos que esta é unha hitoria cun final aberto... cuxas últimas liñas (que non derradeiras) serán un "Ata máis ler!", agardando reencontrarnos nuns meses e continuar compartindo a nosa paixón polos libros.

Un saúdo a todos/as e grazas por seguirnos e por enriquecer este espazo cos vosos comentarios ao longo deste curso.



quinta-feira, 13 de junho de 2013

"Fin de século en Palestina": conclusión

Fin de século en Palestina é a obra dun xornalista, a visión dunha realidade totalmente allea á nosa a través da palabra deste profesional galego. Destaca pola súa franqueza, polo seu valor instrutivo á hora de ensinarnos un mundo que sempre temos visto a través das noticias do telexornal ou do diario, un mundo no que, alén das mortes, das explosións, tamén ten lugar o humor, as persoas que só queren vivir unha vida digna, como calquera outra. 

Miguel-Anxo Murado relata as cousas que lle aconteceron ao longo de cinco anos en Palestina cunha voz serena, despreocupada, incluso nos momentos nos que a súa propia vida corre perigo, pero sen poder evitar transmitir emoción coas pequenas historias que viven desde hai seis décadas os habitantes daquel lugar da Asia máis aproximada a nós. Nós non podemos achegarnos ás súas páxinas sen deixar de asombrarnos ao coñecer unha parte dos palestinos que nunca se nos foi revelada, igual que nos abraiamos ao ver as sombras do Estado israelí que nunca nos contaron. 


quarta-feira, 5 de junho de 2013

Os personaxes de "Fin de século en Palestina": o pobo palestino

Foto: Ruth Beltrán Muñoz
Nesta novela, o protagonista non é Miguel-Anxo Murado, o narrador, nin os diferentes europeos cos que se encontra, que están, dunha maneira ou doutra, facendo o que poden para axudar ás xentes do lugar. Non. 

En Fin de século en Palestina o protagonista son as persoas que non pasan temporadas alí -como o caso de Murado, que estivo cinco anos-, se non os que viven permanentemente alí, os que teñen os seus antergos enterrados alí, os que teñen as súas raíces alí: os propios palestinos. A través das páxinas da novela, aparécensenos debuxadas unhas xentes desde un ollar que ás veces se nos antolla frío, mais que non é outro que o ollar dun xornalista que tenta contar as cousas tal e como son, facendo todo o posible para non posicionarse. 

Foto: Ruth Beltrán Muñoz
Vemos unhas xentes no seu día a día, en lugares e cidades tan coñecidas como descoñecidas: Xerusalén, os Altos do Golán, Belén, o Mar Morto... Lugares preñados de historia, da convivencia entre culturas e relixións e da competencia que existe entre elas, a pegada do Imperio otomano, a europea, os lugares borrados da faz da terra -como no que se encontra o actual aeroporto Ben-Gurion no que anteriormente se erguía a cidade de Liddah e que foi debastada por tropas israelís en 1948-... 

Xentes e lugares aos que se lles prohibiu e apagou a súa Historia, xentes en campos de refuxiados porque as súas antigas vivendas -as súas, as dos seus pais, as dos seus avós, foron ocupadas-, xentes con fillos ou pais mortos, mais xentes retratadas por Murado non con compaixón, se non coas súas riquezas e miserias: cun ollar que lembra ao do debuxante Joe Sacco, Miguel-Anxo retrata o pobo palestino sen idealizalo, admirándose pola súa coraxe e resistencia mais tamén relatando, por exemplo, como se queren aproveitar da visita do papa Xoan Paulo II. 

Mahmud Darwish
Como pano de fondo, aparece como foi provocada a Segunda Intifada, os asasinatos "selectivos" de Israel, o muro, a hipocrisía dos medios de comunicación occidentais, a tenue liña que separa nos actos a israelís e nazis... resultando un mosaico á vez caótico e belo, terrorífico e marabilloso, unhas xentes sinxelas cunha vida complicada, un país en continua loita para sobrevivir. 

Mahmud Darwish é o poeta nacional palestino por excelencia. A el debémoslle unhas palabras que convén lembrar sempre que vexamos, escoitemos ou leamos unha nova que proveña daquel país de Oriente Medio: (os palestinos) son seres humanos que rin, viven, e incluso teñen unha morte normal. Non só os matan.

segunda-feira, 27 de maio de 2013

Estamos a ler... "Fin de século en Palestina"

No ano 1998 Miguel-Anxo Murado é enviado a Xerusalén polas Nacións Unidas para colaborar coa Autoridade Palestina: das súas experiencias e o seu fondo coñecemento daquela terra e a súa conflitiva historia xorde esta obra. 

A súa estancia no país prolongaríase cinco anos nos que ocupou o posto de xefe de comunicación de Belén 2000 e foi organizador da visita de Xoán Paulo II a Terra Santa. Coa distancia exacta, Miguel-Anxo Murado relata o día a día duns habitantes que ollan con escepticismo os Acordos de Oslo e se preparan para afrontar a inminente Segunda Intifada. Testemuño e partícipe dunha caótica burocracia, vese envolto en peripecias alternando o ton surrealista, como organizar unha visita de Demis Roussos (teimando en ser tratado como unha estrela internacional entre as ruínas de Belén), e o tráxico, vendo caer as bombas sobre a poboación civil. 

A paradoxal Palestina, de terra sagrada a inferno cotidiano, narrada co estilo agudo, vibrante e non exento de ironía, quizais a única estratexia para sobrevivir nun lugar así. 

O autor
Miguel-Anxo Murado López (Lugo, 1965) é un escritor, xornalista e guionista galego. Estudou Xeografía e Historia, especializándose en Arqueoloxía. 

En 1983 gañou o premio Café Gijón de novela curta en castelán con Metamorfosis benezianas. En 1985 publicou o seu primeiro libro en galego, Bestiario dos descontentos, un conxunto de relatos. 

Foi guionista de series de televisión como Pratos Combinados e Mareas Vivas, tamén o foi de películas como La ley de la frontera (Adolfo Aristarain, 1995) e Fisterra (Xavier Villaverde, 1999). Como xornalista foi director de Radio Círculo (Madrid) e correspondente de guerra nos Balcáns (1991-1993). 

Residiu durante varios anos en Oriente Medio onde, traballando para as Nacións Unidas, foi sucesivamente xefe de relacións exteriores do Ministerio de Medio Ambiente de Palestina e do Ministerio para Belén 2000. Máis adiante foi correspondente en Xerusalén do diario El Mundo durante os tres primeiros anos da Intifada. 

Actualmente é articulista de La Voz de Galicia e colaborador da SER; tamén é comentarista habitual de política española en BBC World Service, BBC 4, no diario británico The Guardian e na edición española do Huffington Post. 

En 2008 recibiu o Premio da Crítica dentro da sección de Creación Literaria, o Premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) e o Premio Losada Diéguez pola súa obra O soño da febre. En 2009 recibiu de novo o Premio da AELG, o Premio Ánxel Casal e o Premio Frei Martín Sarmiento por Fin de século en Palestina.